O alén dos barqueiros

Velaquí a novela do meu querido amigo Anxo Muiños. Oriundos da mesma parroquia (Taragoña) e compañeiros de trasnadas dende a infancia quero presentarvos a súa opera prima no eido novelístico. Mágoa  non poder aportar un comentario persoal, pero acabo aínda de pedir un exemplar á editorial (abaixo deixo o link). En troques, déixovos  o que aparece na contraportada. Coñecendo a sensibilidade, a imaxinación e o pulo creativo de Anxo seguro que vai ser unha lectura apaixoante. 

Redactando este post veume á cachola a idea de abrir na paxina de taxiadaptadobetanzos.com unha lapela para a creación literaria onde os que queiran colguen seus escritos. E xa que os que falan deben dar exemplo, prometo iniciala poñendo algún dos meus relatos. Veremos como sae esta trangallada.

DESCRIPCIÓN

O sueco Ingemar sostén que a mitoloxía é a forma de psicoloxía máis antiga. Desvelar os misterios da vida a través das lendas é a paixón do estudante, algo que desexa plasmar nunha tese doutoral. O mito de Ulises buscando Itaca inspiralle facer unha viaxe ata Lisboa en busca de crecemento persoal. Na fronteira un comandante sospeita que o antropólogo é un espía soviético. En Portugal atopa a Salomé e continúan a andaina xuntos escoitando mitos de árbores sagradas, monstros mariños, espítitos das augas, labirintos, animais totémicos e barcos pantasmas.

«O alén dos barqueiros» non é un ensaio (mais éo), nin é un dicionario mitolóxico (xaora que o é); pois é, outramente e por riba de todo, unha composición narrativa complexa e completa. É dicir, unha novela en toda a extensión do concepto.
Lionel Rexes

https://www.editorialfanes.com/producto/alen-dos-barqueiros/

 

 

Deixa un comentario