TAXI ADAPTADO BETANZOS OFRECE POSIBLE NOVA CITA BOTÁNICA NAS MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO


Viaxando Taxi Adaptado Betanzos por terras de Curtis, lindando co concello de Sobrado dos Monxes, tiven a oportunidade de ver unha planta que non lembro tela visto antes en ningures. Tomamos fotos no mesmo lugar, sen cortala, por se se trataba dalgunha especie protexida. Sempre que atopo plantas descoñecidas tomo esta precaución, pois xeralmente é algún espécime pouco frecuente e probablemente vulnerable. Isto supón unha seria dificultade posterior á hora de determinala pero, eticamente págame a pena saber que non danei exemplares que puideran eventualmente estar nunha situación de risco. Cun somero estudo corolario in situ intuín que se debía tratar dalgún Senecio. Xa na casa, con calma, puiden determinar que se trataba do antigo Seneicio helenitis (L.) Schinz & Thell. Reclasificado hoxe noutro xénero, quedou o nome anterior como sinónimo homotípico.

A nivel subespecífico cómpre sinalar  que a Flora Ibérica  atribúe todas as citas da Península Ibérica á subespecie macrochaeta e non á nominal como adoita aparecer a miúdo. Estaríamos polo tanto ante unha Tephroseris helenitis (L.) B. Nord. subsp. macrochaeta (Willk.) B. Nord. Afortunadamente non se trata dunha especie vulnerable nin moito menos en risco, pero a presencia en Galicia é escasa.

O Catálogo da flora de Galicia de Romero Buján só recolle citas nas provincias de Lugo e Coruña. Salientamos entre as máis precoces a de Planellas de 1852, a de Willkomm de 1893 e a de Merino de 1906. Incluimos abaixo o mapa de distribución para a Península Ibérica do portal Anthos.

Recentemente, na páxina de Biodiversidade Ameazada, Martinho Fiz deu unha cita en 2015 en Mondoñedo, e en 2022 foi citada tamén en Tordoia. Posiblemente esta que presentamos agora sexa tamén nova no espazo da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.


Deixa unha resposta